Galicia move 9.200 millóns en diñeiro negro e é a cuarta comunidade onde máis se defrauda

2 Abr 2012 | principal

Inicio » principal » Galicia move 9.200 millóns en diñeiro negro e é a cuarta comunidade onde máis se defrauda

As empresas e os particulares galegos teñen na súa «contabilidade B» uns 9.215 millóns de euros, segundo unha estimación Gestha, organización que agrupa aos técnicos de Facenda do Estado. Ese é o presumible tamaño do diñeiro negro que se move na comunidade e que, polo menos en parte, podería encaixar na amnistía fiscal que o Goberno incluíu nos Orzamentos Xerais do Estado de 2012, co propósito de obter unha recadación extra. O mesmo colectivo estima que en todo o país a riqueza que non se declara ao fisco rolda os 250.000 millóns.

O diñeiro negro –entendido en sentido amplo, como os bens e dereitos que se ocultan ás autoridades tributarias para non pagar impostos– é, xunto ao traballo irregular, compoñente principal da economía mergullada. Aínda que a dimensión desta non se pode fixar con precisión, variados estudos sosteñen que en España alcanza cantidades equivalentes a entre o 18% e o 23% do produto interior bruto (PIB). Gestha chegou a facer unha aproximación ao tamaño da economía mergullada nas distintas comunidades autónomas. O seu máis recente cálculo baséase en información de 2009 e arroxa o seguinte saldo para Galicia: as actividades non declaradas –sen incluír as ilícitas, como o narcotráfico– moven uns 13.917 millóns de euros, equivalentes ao 26,3% do PIB da comunidade; esa cantidade repártese entre 9.215 millóns que proceden da fraude fiscal (diñeiro ou bens ocultados a Facenda) e 4.702 millóns correspondentes á fraude laboral (traballos contratados sen mediar alta na Seguridade Social).
Un ano antes, en 2008, a economía mergullada en Galicia, tanto por fraude fiscal como á Seguridade Social, ascendían a preto de 10.700 millóns de euros, o que representaba un 5% da bolsa de diñeiro negro existente no noso país. A economía mergullada en España situábase entón no 23% do PIB, o que supuña un montante de 208.000 millóns de euros.

Galicia, cun 26,3% do PIB, é a cuarta comunidade con maior fraude a Facenda, só por diante da Rioxa (31,4%), Canarias (28,7%),e Castela-A Mancha (26,5%. Esas estimacións poden sufrir variacións desde 2009: unhas á baixa, debido ao descenso na actividade inmobiliaria, considerada un sector de alto risco para a evasión fiscal e o uso de diñeiro negro; outras á alza, porque nos momentos de crises a ocultación de ingresos a Facenda adoita incrementarse, do mesmo xeito que o fan os traballos irregulares.
O anterior Goberno tentou en 2011 frear o avance do emprego mergullado. Fíxoo, como agora fai o actual Executivo, coa amnistía fiscal, abrindo un período de «regularización» ao que podían acollerse as empresas que tivesen traballadores en situación ilegal, sen contrato e sen alta na Seguridade Social. Os empresarios eran exonerados de pagar sancións, aínda que debían abonar as cotizacións pendentes desde xaneiro de 2011. Esa «amnistía» resultou un fracaso en todo o país. Na maioría das comunidades autónomas apenas se rexistraron uns centenares de casos de contratos legalizados.

A «regularización fiscal» que agora tenta o Goberno de Mariano Rajoy está pensada para actuar sobre a outra pata da economía mergullada: a fraude tributaria. Cidadáns e empresas poderán sacar á luz o seu diñeiro negro a cambio de pagar o 10%.

O «Boletín Oficial do Estado» (BOE) publicou xa o decreto coas liñas xerais desta amnistía fiscal. En realidade, inclúense dous procedementos:

– Paraísos fiscais. Dun lado, búscase a repatriación de fondos aloxados polas empresas en paraísos fiscais e resultantes das reparticións de dividendos e vendas de participacións que as compañías, xeralmente grandes corporacións, teñen residenciadas en países onde a tributación é nula ou moi laxa. O diñeiro quedará «regularizado» mediante a súa declaración e o pago dun 8% á Axencia Tributaria.
– Bens ocultos. Doutro lado, as empresas ou particulares que teñan bens ou dereitos que ocultasen a Facenda ao non declarar por eles ao liquidar o imposto de sociedades ou o IRPF poderán presentar unha declaración extraordinaria e legalizar a súa situación, sen sanción algunha, a cambio de pagar un gravame equivalente ao 10 por cento. O prazo para realizar estas declaracións e realizar o ingreso finaliza o 30 de novembro deste ano. A continuación, o Goberno proponse endurecer as sancións por fraude fiscal.

Mediante ambos os procedementos, o Ministerio de Facenda prevé que as arcas públicas ingresen en total 2.500 millóns de euros. O ministro, Cristóbal Montoro, defendeu ademais que a amnistía fiscal permitirá á Axencia Tributaria aumentar o control sobre os contribuíntes a posteriori. Con todo, algúns estudos académicos cuestionan os resultados efectivos deste tipo de procesos, considerados, ademais, inxustos porque se creba o principio de igualdade tributaria, favorecendo aos defraudadores e agraviando aos contribuíntes que cumpren con Facenda. «Se enjuagan delitos fiscais a prezo de saldo», subliña Gestha. Segundo os seus cálculos, máis do 70% da fraude española provén de grandes fortunas e corporacións empresariais.

Fonte: FARO DE VIGO