Concesión da prestación económica de pagamento único por fillas e fillos menores de tres anos

2 Abr 2013 | principal

Inicio » principal » Concesión da prestación económica de pagamento único por fillas e fillos menores de tres anos

A Xunta de Galicia, co fin de paliar, na medida do posible, os gastos dos primeiros anos de crianza dun fillo/a establece deducións da cota integra autonómica do imposto sobre a renda das persoas físicas polo nacemento de fillos/as. Por outra banda, a Lei 2/2013, do 27 de febreiro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2013 prevé, na súa disposición adicional oitava, que aquelas persoas que, con data do 1 de xaneiro de 2013, teñan ao seu cargo fillos/as menores de tres anos terán dereito a percibir unha prestación de 360 euros por cada un deles cando, durante o ano 2011, nin elas nin ningún dos membros da unidade familiar estivesen obrigados a presentar a declaración polo imposto sobre a renda das persoas físicas correspondente a ese período, nin a presentasen de xeito voluntario aínda sen estaren obrigados a iso.

Persoas beneficiarias
Poderán ser beneficiarias desta prestación aquelas persoas que teñan fillos/as menores de tres anos o 1 de xaneiro de 2013 (nacidos entre o 2.1.2010 e o 1.1.2013, inclusivos) e que, durante o ano 2011, nin elas nin ningún membro da unidade familiar estivesen obrigados a presentar a declaración polo imposto sobre a renda das persoas físicas correspondente a este período, nin a presentasen de xeito voluntario aínda sen estar obrigados a iso.
Requisitos
Será requisito necesario para a concesión da prestación:
– Que os proxenitores teñan a súa residencia habitual en Galicia. No caso de que da documentación presentada se poida deducir que isto non é así, poderáselles requirir para que presenten documentación complementaria que o demostre.
– Que na data da solicitude os nenos/as convivan coa persoa solicitante.
Tipo de axuda e contía
A prestación consistirá nun pagamento único por cada fillo/a menor de tres anos, sendo a contía da prestación de 360 euros por cada un dos fillos/as, sen que o mesmo fillo/a poida dar lugar a máis dunha prestación en virtude desta convocatoria.
Lugar e prazo para a presentación de solicitudes
O prazo de presentación das solicitudes será de corenta días naturais, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.